Sunday 12 de May de 2024

O Museo do Humor conmemorará o Día dos Museos 2021 co espectáculo Papar sen cancelas, con Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz


Tamén organiza ao redor desta data un obradoiro de debuxo ao vivo a cargo do ilustrador especializado en debuxo da natureza, Calros Silvar
Baixo o lema “O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar”, o vindeiro martes 18 de maio
conmemórase o Dia Internacional dos Museos 2021, xornada, promovida polo Consello Internacional
dos Museos (ICOM) para sensibilizar ao público sobre o papel destas institucións culturais no
desenvolvemento da sociedade. E un ano máis, o Museo do Humor de Fene súmase á celebración,
desta vez cun espectáculo humorístico, “Papar sen cancelas”, protagonizado por Isabel Risco, Fran Rei
e Pedro Brandariz. A función será o mesmo martes ás 20.00 horas con entrada libre e de balde, ate
completar o aforo (50 persoas). Ademais, nesa mesma semana, o xoves 20, terá lugar o obradoiro de
debuxo ao vivo impartido por Calros Silvar, actividade que se encadra tamén no proxecto “Viñetas do
Camiño” (O Teu Xacobeo).

As actividades do Día dos Museos en Fene comezarán con Papar sen Cancelas, “delicioso espectáculo
no que o público poderá deleitarse cunha exquisita selección gourmet do mellor humor galego”. Isabel
Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei son os protagonistas desta montaxe, reconvertidos en “anfitrións
cómic@s da Gala de entrega dos Premios Gastronómicos Galegos do Ano, unha cerimonia na que
teñen cabida desde as figuras máis sobranceiras do panorama galego actual ata un menú plurilingüe,
pasando por unha longa serie de situacións cómicas que, dalgún xeito, nos definen como pobo
asentado neste recuncho da península Ibérica”. Todo isto pasado pola peneira deste trío de cómic@s
xa clásico, que inclúe a crítica ácida, a loucura (case) sen límites e a improvisación continua. “Papar
sen cancelas” é unha comedia de alta cociña sobre a galeguidade, pero tamén unha reflexión cómica
sobre como somos, sobre porque en Galicia se come tan ben, rise tanto e fálase aínda mellor!”.
O espectáculo, organizado polo Concello de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede
Cultural) terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene o vindeiro martes,
18 de maio, ás 20.00 horas. A entrada será de balde até completar o aforo (50 persoas) e cumprindo
cos protocolos de seguridade e hixiene para facer fronte á Covid19 actualmente en vigor.

O programa do Día dos Museos 2021 no Museo do Humor continuará o xoves 20 de maio cun
obradoiro de debuxo a cargo do ilustrador Calros Silvar. A actividade forma parte tamén do proxecto
Viñetas do Camiño que as concellerías de Cultura e Turismo de Fene están a desenvolver no marco do
programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Terá unha duración de 4 horas, de 16.00 a 20.00 horas
e vai dirixido a persoas maiores de 16 anos con coñecementos básicos de debuxo. Para participar,
cómpre inscribirse enviando un correo electrónico a vinetasdocamino@fene.gal. O prazo remata o
martes 18 de maio.

Calros Silvar é humorista gráfico, caricaturista e debuxante de banda deseñada. Especializouse no
debuxo de natureza e, como tal, colaborou en diferentes guías de árbores e aves. Foi deseñador de
produto do Grupo Sargadelos e realizou as Guías de Campo Baía Verde, de Baía Edicións, así como
outras coleccións de Natureza para A Nosa Terra, e Tundra ediciones.